Concello de Ortigueira

x

Xecemento de Punta dos Prados


O Monumento con Forno ou Pedra Formosa de Espasante segue o modelo común neste tipo de construcións. Localízase entre murallas no foxo, parcialmente soterrado, con constante presenza de auga.

Todas as Pedras Formosas presentan unha clara división entre un adro, antecámara, cámara e forno. Distínguense ademais elementos construtivos como piscinas de auga, canles de desaugue, bancos corridos na antecámara e solo pulido na cámara. No caso de Espasante preséntanse dúas novidades: a división do forno que conta cunha zona de alimentación separada e a presenza dunha piscina e dúas arquetas na cámara.

A excavación arqueolóxica desta construción establece nidiamente a división de funcións das habitacións que conforman a súa complexa estrutura. Dende o exterior apréciase unha zona aberta e empedrada, moi irregular agás nun pequeno corredor que seguramente conducía á piscina de auga fría.

Consérvanse dúas canles. Pola dereita, unha vai excavada na rocha –parcialmente desaparecida que conserva só unha tapa-. Pola súa inclinación suponse que tería unha función de desaugue. A outra canle atópase á esquerda. Arrinca da base do muro externo da cámara ata meterse no empedrado e está feita con pedras fincadas e con tapas de lousa de grande tamaño. A continuación sitúase o adro, de forma semicircular co chan cuberto de lousa.

A seguinte estancia é a antecámara, de planta trapezoidal –que carece de unión co adro polo lateral esquerdo- e solo de grandes lousas ben encaixadas. Seguindo cara ao interior da construción está a cámara, de planta rectangular. A piscina está construída con dúas lousas a un nivel inferior ao chan. Na parte dereita existe un burato de comunicación coa canle de desaugue. O solo da cámara está formado por lousas de grande tamaño, ben encaixadas e moi pulidas. A estancia conserva parte dunha cuberta en falsa bóveda.

Na parte que comunica coa antecámara pode apreciarse o oco da Pedra Formosa, que non se atopou na excavación arqueolóxica. Finalmente estaría o forno e a zona de alimentación. O espazo é rectangular e está construído en falsa bóveda. Pola parte exterior o muro lateral do forno prolóngase formando un van de comunicación entre o exterior e a zona absidal que é o fin da estancia. Trátase dun espazo útil e cómodo para o mantemento e limpeza, así como para os labores de depósito de materia prima e coios.

Estes coios quentábanse no forno e a continuación depositábanse na piscina de auga da cámara, producindo vapor neste cuarto completamente pechado. Só se accedía a el a través do oco inferior da Pedra Formosa, lugar de paso para descansar na zona morna da antecámara antes de pasar ao baño de auga fría no exterior da construción.